3 Criterios ortotipográficos

Criterios ortotipográficos

Uso de maiúsculas e minúsculas

Utilízamos as maiúsculas nos seguintes casos:

Na palabra que inicia unha oración

  • Elimine o ficheiro
  • Desexa eliminar o ficheiro? Se o elimina é posíbel que non poida recuperalo.

Na primeira letra dun nome propio

  • Benvido(a) á comunidade Mozilla.

Na primeira letra do nome dos menús, xanelas, caixas de diálogo etc.

  • Abra a xanela Viñetas con numeración.

Na primeira letra de cada unha das palabras que constitúen os nomes das institucións e organizacións públicas ou privadas

  • Free Software Foundation

Na primeira letra dos nomes dos programas informáticos, sistemas operativos e linguaxes de programación

  • Linux; Windows; PHP; XML

Nos nomes das teclas abreviados

  • MAIÚS; TAB; ALT

Nas siglas

  • HTML; FTP

Despois de dous puntos cando non se trate dunha enumeración ou explicación

  • Aviso: Non pode realizar esta operación
Utilizamos minúsculas nos seguintes casos:

Despois de dous puntos cando a seguir teñamos unha enumeración ou explicación

  • Son posíbeis os seguintes campos: campo de texto, data, hora e moeda, campo numérico e caixa de verificación.

Nos nomes dos días e dos meses do ano

  • luns, martes, mércores, xoves…; xaneiro, marzo, abril, decembro…

Nos xentilicios e nomes de linguas

  • galego, portugués, inglés…

Nos nomes xenéricos dos programas informáticos

  • folla de cálculo; procesador de texto…

Na segunda palabra e sucesivas dos nomes dos menús, caixas de diálogo, separadores etc., a diferenza do inglés en que se escribe con maiúscula a primeira letra de todas as palabras.

  • Open the Styles and Formatting window
  • Abra o menú Estilos e formatado

Cando se describe o contido do menú, caixa de diálogo etc. por medio da introdución da preposición de

  • Abra o menú de estilos e formatado
  • Abra o menú Estilos e formatado

Puntuación

As persoas que localizan deben ter en conta que o inglés utiliza os signos de puntuación de maneira diferente ao galego. Por tanto, débense seguir as regras de puntuación do idioma para o cal se está a traducir.

O punto
Utilízase o punto nos seguintes casos:

Para marcar pausas entre enunciados que están ligados. En inglés é frecuente a utilización da vírgula para estes casos. No entanto, debemos traducir tendo en conta as regras de puntuación do galego.

  • STYLE formats the cell in transparent format for 60 seconds after the document was recalculated or loaded, then the Default format is assigned.

STYLE atribúe o formato transparente á cela durante sesenta segundos despois de recalcular ou cargar o documento. A seguir, aplícase o formato predefinido.

Despois das abreviaturas

  • Páx.; núm…

Os ordinais para non se confundiren cos graos (térmicos ou de calquera escala):

  • 1.º, 2.º, 3.º
  • 1º, 2º
Non se utiliza o punto:

Despois das siglas e acrónimos

  • PDF (non P.D.F.)

Para separar as unidades de millar nos anos

  • 2008, 1993 (non 2.008)

Para separar os decimais, caso en que se debe utilizar a vírgula

  • 7,15MB (non 7.15MB)

Para separar as horas, caso en que se deben utilizar os dous puntos ou, como alternativa, nos textos da axuda ou documentación, un h

  • 9:30 ou 9h30 (non 9.30)
A vírgula
Non se utiliza a vírgula:

En xeral, antes das conxuncións coordinativas (e, nin, ou…), a diferenza do inglés

  • Create and edit drawings, flow charts, and logos by using Draw.

Crear e editar debuxos, fluxogramas e logotipos con Draw.

  • This icon switches the mouse pointer to the select mode, or deactivates this mode.

Esta icona activa ou desactiva o modo selección do apuntador do rato.

Para separar o suxeito do predicado

  • The software setup wizard, will help you complete this task.

O asistente de instalación de software axúdao a completar esta tarefa.

Signos de interrogación e exclamación

Os signos de interrogación e exclamación utilízanse unicamente no fin do enunciado correspondente; só poderán aparecer no inicio no caso de que o enunciado poida dar lugar a confusión.

  • Are you sure you want delete this file?

Ten a certeza de querer eliminar este ficheiro?

En inglés é moi habitual a utilización dos signos de exclamación, mais en galego débense suprimir na maior parte dos casos:

  • An Unknown error occured!

Houbo un erro descoñecido

Nalgúns contextos, con todo, pódense manter os signos de exclamación:

  • Congratulations, you won the game!

Parabéns! Gañou o xogo!

Parénteses

Non debe haber espazos entre as parénteses e o texto incluído entre elas.

  • (100%)

! non ( 100% )

O punto final debe situarse fóra das parénteses, a non ser que toda a frase estea entre parénteses.

  • O disco está cheo (100%).

(Está opción non está dispoñíbel.)

Abreviaturas1

Son reducións da lingua común. Poden ser regulares (collendo as primeiras letras da palabra abreviada), convencionais (derivadas dun uso asentado pero non regular). Cando por razóns de espazo sexa necesario reducir unha tradución farémolo sempre con abreviaturas regulares.

Comportamento:

Terminan por punto.

  • convencionais :dta. (dereita), esq. (esquerda), ex. (exemplo), Sr. (señor), avda. (avenida)
  • regulares : mét. (método), méteo. (meteoroloxía) xeo. (xeografía)

Non presentan forma de plural, salvo cando facemos a abreviatura utilizando os elementos do principio e do final da palabra.

  • os núm., ltdo. > ltdos. (limitado(s))

Conservan a letra maiúscula ou minúscula da letra inicial da palabra.

  • a. de C.

Manteñen os acentos que xa posuía a palabra sen abreviar.

  • núm.

De forma excepcional algunhas abreviaturas poden usar a barra e non o punto.

  • c/ r/ t/ x/

Siglas2

Son da lingua común. As siglas son «propiedade» de quen as crea . No caso das que non son frecuentes é recomendábel non traducilas. Cada lingua fai a súa propia tradución de siglas.

Tratamento:

Non levan puntos intermedios ou finais nin espazos intermedios.

  • WP (WordPress)

Non levan acento.

Non teñen forma de plural. O número márcase mediante os artigos ou outras palabras que as acompañen.

  • Os URL, os PDF danados, os GGUL, as PEME,…

– Teñen o mesmo xénero que a primeira palabra do sintagma.

  • A ISO (Organización Internacional de Estandarización)

Escríbense con maiúscula, salvo cando se trate da extensión ou tipoloxía dun ficheiro, caso en que se escriben con minúscula despois de punto3.

  • O ficheiro PDF vs. Gardar como .pdf

– Cando se desenvolve unha sigla, utilízanse maiúsculas na primeira letra de todas as palabras no caso de ter correspondencia en galego con nomes propios, senón non, en ningunha, por tratarse dunha explicación.

  • CPU > UCP

Central Processing Unit > unidade central de procesamento

  • FTP > FTP

File Transfer Protocol > protocolo de transferencia de ficheiros

  • ISO > ISO

Internacional Standarization for Organization > Organización Internacional para a Estandarización

– Cómpre lembrar que algunhas siglas (e algúns acrónimos) estranxeiras pasan á lingua directamente como vocábulos, incluso coa adaptación fonética derivada da súa escrita:

  • binari digit > BIT > bit
  • light amplification by simulated emission of radiation > LASER > láser4

Símbolos

Representan unidades do ámbito científico-técnico. Non varían coas linguas.

Comportamento:

Non levan punto nin barra final.

  • Hz (hertz); s (segundo); h (hora)

Levan unha barra para marcar a relación con outros símbolos.

  • r/s (revolucións por segundo), l/m2 (litro por metro cadrado)

Usan a mesma forma para o singular e o plural

  • 1h (unha hora); 6h (seis horas)

Escríbense sen espazo entre os seus constituíntes cando resultan da redución de máis dunha palabra.

  • CV (cabalo de vapor)

1A norma internacional ISO 2384 establece que, se aparecen abreviaturas nun texto, deben ofrecerse os seus equivalentes no idioma da tradución. De non existiren equivalentes, a abreviatura debe explicarse detalladamente a primeira vez que apareza.

2Norma ISO 2384: Os nomes das organizacións débense manter sen tradución, a menos que conten con nomes oficiais en varios idiomas (por exemplo, a Unión Europea ou a Organización Mundial de la Saúde). Se unha organización só ten nome oficial nun idioma, pódese traducir entre parénteses a primeira vez que aparece nun texto. No que respecta ás referencias bibliográficas, os nomes das organizacións débense escribir no idioma orixinal.

3Trátase dunha opción coherente xa que PDF (file portable document) é unha sigla mentres que <<.pdf>> é simplemente un sinalizador, un símbolo de tipoloxía de obxecto.

4Aínda que se dixo que as siglas non levan acento, é obvio que cando unha sigla xa é unha palabra común debe acentuarse. O mesmo pasa cos estranxeirismos medio adaptados, hai que acentualos : búfer, hóckey, télex

Sidebar